O número de delitos descendeu na Pobra nos últimos tres anos

    xuntalocalseguridadepobra_100_040208.jpgPOBRA > A cota de esclarecemento dos casos sitúase por riba do 50%, o que amosa unha boa colaboración entre os distintos corpos de seguridade do Estado.

    A xunta local de seguridade iniciábase ó redor das doce desta mañá. O Subdelegado do Goberno na Coruña, Xosé Manuel Pose, xunto co alcalde, Isaac Maceiras, foron os encargados de presidi-la xuntanza, na que tamén participaron o coronel da Garda Civil na Coruña, Xosé Furelos, o comandante de Noia, Arcadio Pérez, e o xefe da Policía Local, Luís Gigirey. A reunión estaba previsto que se celebrase despois de Semana Santa, pero os acontecementos vividos na localidade nas últimas semanas provocaron que o alcalde decidira adiantala. Un dos motivos deste cambio foi precisamente o intento de secuestro a unha menor. O Subdelegado do Goberno na Coruña quixo transmitirlle ós veciños da Pobra, e en xeral ós de todo o Barbanza, unha mensaxe de tranquilidade, de que a Garda Civil e a Policía Xudicial, están facendo todo o posible por esclarecer este caso.

    Eficacia policial

    A xuntanza serviu ademais para analiza-los índices delitivos rexistrados neste municipio. Dos datos obsérvase un importante descenso nos últimos 3 anos, o que vén a demostrar a eficacia no esclarecemento dos casos, cunha cota por riba do 50%, o que amosa unha boa colaboración entre os distintos corpos de seguridade do Estado.

    Ampliación plantilla

    O Subdelegado do Goberno na Coruña explicou tamén que se vai estuda-la posibilidade de amplia-lo número de efectivos que compoñen a actual plantilla da Garda Civil na localidade. Un feito que poderia darse xa de cara a tempada estival, unha época do ano na que aumenta considerablemente o número de habitantes neste municipio.

    Unidade Agrupación Tráfico Barbanza

    O concello pobrés tamén lle trasladou á Subdelegación do Goberno a proposta de crear unha agrupación de tráfico no Barbanza que viría a cubri-las necesidades desta comarca unha vez entre en funcionamento a autovía. A unidade podería asentarse nunha parcela de titularidade municipal existente no polígono industrial da Tomada. A idea, que podería ser factible, quedou enriba da mesa e será a Subdelegación do Goberno e a propia Dirección Xeral de Tráfico os que teñan a última palabra ó respecto.

    {flowplayer}barbanza/xuntalocalseguridadepobra.flv{/flowplayer} 

    Redacción Barbanza