Caride visita as estradas Porrás – Moraña e Pino – Cuntis

    caride_morana100_070208.jpgMORAÑA > A Conselleira de Política Territorial visitou as obras rematadas das estradas Porráns – Moraña e Pino – Cuntis

    … A Xunta investiu en total 5,6 millóns de euros na mellora do trazado e da seguridade viaria nestas dúas estradas.

    caride_morana200_070208.jpgTres anos despois da colocación da primeira pedra, a estrada Porráns – Moraña estrea novo aspecto. A Xunta investiu catro millóns e medio de euros para acondicionar e mellorar 6,9 quilómetros ó paso polos concellos de Moraña e Barro. Os traballos de acondicionamento e mellora desta estrada supuxeron a construción de novos treitos en variante que suman un total de 2.380 metros, repartidos entre as variantes de Santa Margarida, Barosela, A Búa, Triabá e Barro. Á esta eliminación de curvas e travesías hai que engadir o ensanche xeral da estrada ata un total de 9 metros.

    A Conselleira de Política Territorial, María José Caride, estivo esta mañá visitando a zona xunto co alcalde de Moraña. A obra non está aínda rematada. Quedan pendentes o acondicionamento de zonas para a parada do autobús, polo que Caride adiantou que haberá máis expropiacións.

    PINO – CUNTIS 

    María José Caride visitou tamén as obras rematadas da estrada Pino – Cuntis. Aquí investiuse un millón de euros para acondicionar 9,4 quilómetros de percorrido polos concellos de Valga, Caldas e Cuntis. Con Caride estiveron os rexedores destes municipios. Segundo explicou estas obras consistiron na ampliación da plataforma, o acondicionamento e limpeza das marxes da estrada, a dotación de beiravías e a mellora da súa sinalización e balizamento. Unha vez finalizados os traballos, a estrada conta agora cun ancho total de 7 metros. De xeito paralelo á estrada tamén se construíron diversos treitos de sendas peonís e estase a estudar a posibilidade de estendelas a máis tramos.

    Redacción Salnés