Investigan a decapitación ‘a golpes’ de catro estatuas no Grove

O GROVE> As forzas da orde investigan os actos vandálicos que decapitaron catro esculturas de Moreiras, no Grove. Todo apunta a que as cabezas das estatuas foron arrancadas a golpes. O alcalde meco condena o ataque e considera os feitos unha mostra de falta de civismo e de educación.

As forzas da orde investigan xa os actos vandálicos rexistrados no parque escultórico situado en Punta Moreiras, no Grove. As esculturas danadas son catro: dous bebés e dous adolescentes ós que lle arrancaron, literalmente, as cabezas.

Na mesma noite na que se produciron estes danos, na localidade houbo outros puntos, como na Aldea Comercial da Toxa onde tamén se rexistraron incidentes. O alcalde meco condena este tipo de condutas que atentan, como no caso destas esculturas contra o patrimonio colectivo. Ante estes feitos, o rexedor fai un chamamento á reflexión. Entende que se trata dunha cuestión de educación.

As forzas da orde puxeron en marcha xa unha investigación para tentar esclarece-los feitos e tentar localizar ós autores que mutilaron estas obras. As cabezas decapitadas xa foron recuperadas. Agora, custodiadas polo Concello, serán os expertos da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra os que avalíen se a súa restauración é viable.