Obxectivo: esquencer esta semana canto antes

baloncesto250_110208_001.jpgSALNÉS >Extrugasa pagou en exceso o cansancio acumulado nos últimos días e caeu derrotado con claridade en Ibiza. Mellor lle foron as cousas ó Inelga e ó Establecimientos Otero, que venceron sen problemas ós seus respectivos rivais.

O Extrugasa pechou o sábado unha semana para esquencer. Despois de caer eliminadas da Eurocup o xoves, as vilagarciáns non foron quen de sobrepoñerse ó mazazo moral e sobre todo ó cansancio, e caeron en Ibiza por 30 puntos. Foi un partido pésimo en case tódolos aspectos, especialmente en ataque, onde o equipo semella ter cada vez máis dificultades para anotar.

Comezaron ben o encontro, como o fixeran en Israel, pero logo diluíronse e desapareceron completamente da pista co paso dos minutos. Con quince abaixo ó descanso, preveíase certa reacción tralo paso polos vestiarios, pero non a houbo e as diferencias foron aumentando ata o 80-50 final. A defensa non funcionou e o xogo exterior continúa a se-lo gran problema; desta volta 2/18 en triples, para rematar cunha valoración xeral de 24 puntos polos 114 do Promociones Santa Eulalia; incontestable.

Esta semana que entra será un pouco máis relaxada ata o venres, cando dé comezo a copa da Raíña en Sevilla.

Pola súa banda o Inelga continúa en estado de gracia e venceu sen problemas ó Gijón por 62-82. Os de Juan Espiñeira estiveron moi ben no apartado defensivo durante os corenta minutos e fixeron un gran traballo colectivo en ataque o que permitíu que seis homes anotasen con dobles díxitos. Con este triunfo ante un rival directo, alónxanse un pouquiño máis dos postos de descenso e dan un paso de xigante de cara a permanencia.

Xornada positiva tamén para o Establecimientos Otero que superou ó Celso Míguez na súa casa por 53 a 72. Esta victoria permite ós cambadeses achegarse ó líder Cafegal Pabellón que caeu esta fin de semana en Santiago ante o Peleteiro.

Redacción Salnés