O Club de Piragüismo Rías Baixas de Boiro conta con dúas novas embarcacións

BOIRO> As piragüas foron adquiridas grazas a unha a axuda do concello para seren empregadas polos palistas das escolas deportivas municipais. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, visitou as instalacións do club de piragüismo Rias Baixas, situadas no porto de Escarabote, para proceder á entrega das dúas novas piragüas adquiridas polo club para as escolas deportivas municipais e que empregarán tanto nos adestramentos como nas próximas competicións. O presidente do club de piragüismo Rias Baixas, Marcos Pérez, agradeceu a colaboración do concello, que posibilitou a compra das dúas embarcacións. O rexedor boirense sinalou que a entrega destas dúas novas piragüas o club de piragüismo Rias Baixas forma parte da política que está a desenvolver o equipo de goberno dende a súa chegada a alcaldía de apoio ós clubs e entidades deportivas municipais. Xoán Xosé Dieste fixo referencia tamén a que o concello está a traballar para dar resposta a outra das demandas deste club, como é a falla dunhas novas instalacións para satisfacer as súas actuais necesidades e as dos máis de cen palistas cos que conta a entidade sumando tódalas categorías.