Sete auxiliares garantirán o servizo policial na Pobra ante as numerosas baixas na plantilla

    policiapobra_100_190208.jpgPOBRA > O concello da Pobra incorporou a sete axentes auxiliares para cubri-las baixas existentes no corpo da Policía Local.

    {flowplayer}barbanza/policialocal.flv{/flowplayer}

    POBRA > O concello da Pobra incorporou a sete axentes auxiliares para cubri-las baixas existentes no corpo da Policía Local. Coa chegada dos sete novos auxiliares á Pobra o executivo pobrés dá un primeiro paso para solucionar un problema que nas últimas semanas se lle estaba enquistando a consecuencia das numerosas baixas presentadas na Policía Local, un total de doce dos catorce axentes que compoñen a actual plantilla.

    Con estas contratacións o goberno local verá cubertos perfectamente os turnos de mañá e tarde, que era o que máis lle preocupaba, mentres que o de noite seguirá sendo realizado pola Garda Civil.

    Investigación

    Ante as sospeitas de que as baixas puideran deberse a unha medida de presión dos propios axentes contra a alcaldía polas condicións laborais nas que deben traballar diariamente, o executivo local xa deu orde ós servizos xurídicos para que realicen as investigacións oportunas para comprobar se tódalas solicitudes de baixa presentadas se axustan á legalidade e responden a motivos claramente xustificados.

    Ademais das discrepancias que algúns axentes manteñen co xefe da Policía Local, nas últimas semanas apareceu un novo conflito a conta das vacacións. Segundo o propio avogado do concello, as averiguacións estánse a seguir baixo dous criterios fundamentais: a prudencia e a firmeza.

    A pesar de que os datos polo de agora son escasos, fontes desta redacción puideron coñecer, que as baixas presentadas polos axentes son de todo tipo, dende estrés ata lesións musculares, e cinco delas foron expedidas polo mesmo facultativo.

    Posibles sancións

    Ademais tivemos coñecemento da existencia de probas que evidencian a varios dos axentes en inactividade exercendo labores que non poderían estar realizando ó atoparse de baixa. De probarse estes feitos, ós axentes abriríaselles un expediente sancionador por fraude que mesmo podería derivar nunha suspensión de emprego e soldo.

    Polo de agora e mentres a recuperación dos axentes de baixa non se vaia facendo efectiva, todo dependerá do virus que lles afecta, o goberno pobrés ten as costas cubertas. Cando se reintegren será a alcaldía a que determine cales serán as súas tarefas. Soa a vinganza.

    Redacción Barbanza