![]()
SALNÉS > O Servizo Galego de Saúde arbitrou novas medidas asistenciais para garantir a atención pediátrica nos concellos de Ribadumia e A Illa de Arousa.
Mentres persista a ausencia temporal do profesional da Pediatría, os médicos de familia destes centros atenderán pacientes pediátricos durante a mañá, mentres que polas tardes ábrese unha axenda específica para atención ordinaria pediátrica no centro de saúde de Cambados. Así mesmo, aqueles usuarios e usuarias que desexen cita para consulta nesta axenda específica de tarde no centro de saúde cambadés, poden requirila desde o seu propio centro de saúde, tanto en Ribadumia coma en A Illa de Arousa.
O Sergas insiste en que, aínda que nestes intres non hai dispoñibilidade de profesionais de Pediatría naqueles centros de saúde nos que se dispón de máis dun profesional da Pediatría, son os demais profesionais desta especialidade os que cobren as posibles ausencias. No caso específico dos Concellos de Ribadumia e A Illa de Arousa, son os especialistas en Medicina de Familia os que, en ausencia do pediatra, asumen con total garantía de calidade a atención pediátrica en xornada de mañá, dado que son profesionais perfectamente capacitados para a atención pediátrica en xeral.
Redacción Salnés







