![]()
SALNÉS > O parlamento galego aprobou esta tarde por unanimidade, manter a tarifa nocturna do subministro eléctrico.
Este acordo é o resultado dun debate parlamentario que tivo lugar esta mañá no mesmo lugar e no que estiveron presentes sete representantes da comisión de veciños afectados por esta supresión do Salnés; que foron convidados polo responsable comarcal do BNG, Duarte Correa.
Esta proposta recolle tamén a petición ó ministerio español de que cree unhas liñas de subvención para afrontar os custes de adaptación dos equipamentos dos usuarios da tarifa nocturna, así como unha moratoria de seis meses para que os usuarios poidan escoller entre unha ou outra tarifa.
Logo do debate parlamentario, os veciños tiveron a oportunidade de reunirse co voceiro do BNG en materia de industria, quen lles detallou os froitos que está dando a presión social e iniciativas coma esta, malia que é o ministerio de Industria o que ten a última palabra nesta materia.
Os nacionalistas pensan que aínda se está a tempo para dar marcha atrás se de verdade existe vontade política para frear esta cuestión que prexudicaría só en Galicia a 180.000 familias. A pesares do éxito de hoxe, desde o BNG anima á cidadanía para que siga presentando as súas queixas e exercendo presión.
Pola súa parte, desde a comisión de afectados anuncian unha próxima xuntanza informativa que terá lugar o vindeiro día 26 ás oito e media da tarde, na casa da cultura do Grove.
Redacción Salnés









