Arranca a campaña da vieira con boas expectativas

CAMBADOS> Arrancou hoxe a campaña da vieira en Cambados e faino con boas expectativas. Esta mañá puidemos ve-la chegada dos primeiros vivalvos ó porto, onde os mariñeiros falan da boa cantidade e calidade.

Fíxose de rogar, pero a vieira xa está aquí. Despois de meses de espera, xa botou a anda-la campaña deste bivalvo. O habitual é que a súa extracción comece antes do Nadal, pero no fondo da ría de Arousa había pouco marisco de talle comercial. Esta situación levou á confraría de Cambados a toma-la decisión de agardar, para obter así un produto de mellor calidade.

Pasadas as semanas, agora as expectativas do sector sobre cantidade e tamaño son mellores. A pesar de que aínda queda bastante vieira pequena, na confraría cambadesa auguran que esta sexa unha boa campaña.

O tope de capturas diario é de 3.000 quilos. Os armadores van cobrar 5 euros e medio por cada un, o que se traduce nun aumento de 75 céntimos máis por quilo, que no mesmo período do ano pasado. Con todo, se vostede ten pensado mercar vieira galega, saiba que aínda que o produto xa está en terra, aínda terá que agardar uns días máis para poder mercala, unha vez o bivalvo supere o proceso de depuración e evisceración.