Lendas do baloncesto nacional xogarán en Vilagarcía

baloncesto250_210208_001.jpgVILAGARCÍA > As seleccións galega e española de veteráns disputarán o vindeiro día 19 de marzo un partido amistoso que pechará a xornada inaugural da Vilagarcía Basket Cup. Grandes estrelas dos anos 80 e 90 acudirán ó Pavillón de Fexdega a relembrar vellos tempos.

A Vilagarcía Basket Cup non só se contenta con se-lo mellor torneo en categoría sub-20 de Europa, senón que se está a converter nun dos principias acontecementos deportivos a nivel nacional.

O último evento en engadirse ó cartel foi o partido amistoso que han de desputar as seleccións galega e española de veteráns. Será un encontro para os nostálxicos, para aqueles que pensan que o mellor baloncesto era o de antes, e para poder desfrutar 24 anos despois de moitos dos heroes que acadaron a prata nos Xogos Olímpicos en Los Ángeles.

No partido, que se celebrará en Fexdega o día 19, estarán vellas lendas como Juan Antonio San Epifanio, Epi, un dos mellores xogadores da historia do Barça, os bases Corbalán, Solozábal e Chichi Creus, e pivots como Fernando Romay ou Juan Antonio Orenga.

Pola selección galega destacarán os nomes de Manolito Aller, Miguel Juane ou Anicet Lavodrama, estandartes do mítico Oar Clesa Ferrol. A Basket Cup, por tanto, reunirá o mellorciño do baloncesto do pasado, coas futuras estrelas europeas.

Paralelamente, o día 18 presentarase no Pavillón Castelao o libro 1958-2008; 50 anos de historia do baloncesto en Vilagarcía, publicado por Teófilo Comunicación a través da súa liña editorial. Esta obra repleta de fotografías resume a historia do deporte da canastra na cidade.

Redacción Salnés