Os axentes da Pobra acusan ó alcalde e ó xefe da policía de acoso laboral

    acosopolicia_100_210208.jpgPOBRA > Lonxe de calmarse os ánimos, o conflito entre a Policía Local e o concello da Pobra abre un novo capítulo.

    {flowplayer}barbanza/acosopolicia.flv{/flowplayer}

    Os axentes que se atopan de baixa denuncian agora a situación de acoso que están a sufrir dende que decidiran secundar a denuncia contra o xefe de policía por malversación de fondos públicos. Agora acusan tamén ó alcalde dun suposto delicto contra a intimidade por dar a coñecer publicamente as doenzas que motivaron as baixas.

    Os feitos remóntanse a febreiro do ano 2004 cando un grupo de axentes presentaron unha denuncia contra o xefe da Policía Local por un suposto delicto de malversación de caudais públicos, suborno e falsificación documental.

    Acoso continuado

    O inicio do proceso xudicial, que aínda se atopa pendente da vista oral, derivou, segundo os axentes denunciantes, nunha situación de acoso continuado en forma de apertura de expedientes sancionadores e recorte de dereitos laborais, económicos e sociais. Ademais do empeoramento das condicións laborais, os axentes denuncian a falta de medios que mermaba a súa capacidade de traballo. Tal é o caso das armas, uniformes, medios de transmisión ou mesmo os vehículos que, indican, estaban a ser utilizados polo xefe para cuestións persoais e non para desenvolve-lo seu traballo.

    No escrito remitido ós medios de comunicación, os policías tamén sinalan a colocación de cámaras no interior das dependencias policiais co fin de sementar a dúbida entre os propios axentes ou o nulo control sobre a tramitación das denuncias.

    Todo este cúmulo de circunstancias derivou na baixa laboral de doce dos catorce axentes que conforman o cadro de persoal, por verse imposibilitados a seguir desempeñado a súa labor nestas condicións. Os policías aclaran, polo tanto, que non se trata de ningún tipo de reivindicación para conseguir melloras.

    Violación da intimidade

    Pero as acusacións dos axentes non se dirixen soamente contra a xefatura do corpo senón contra o propio alcalde que, a pesar de ser coñecedor da situación, non accedeu a convocar unha xuntanza cos afectados para intentar paliar a situación de suposto acoso. Os axentes mesmo acusan a Isaac Maceiras dun delicto contra a súa intimidade por dar a coñecer en público as enfermidades que motivaron as baixas e incluso mofarse delas.

    A este respecto, lembran que son os profesionais médicos os encargados de certificar as baixas polo que instan á alcaldía a non dubidar da súa profesionalidade.

    Coacción

    A versión ofrecida polos policías locais da Pobra non gustou nada ao alcalde, Isaac Maceiras, que non dubidou en replicala negando con rotundidade a existencia de acoso tanto por parte da alcaldía coma do xefe da policia. O rexedor pobrés mesmo chegou a acusar aos axentes de intentar coaccionalo para conseguir os seus propósitos

    O rexedor pobrés foi máis alá é deu a coñecer o número de días que nos últimos tres anos estes doce axentes da policia local non acudiron ao traballo por mor dunha baixa médica. Dende 2005 ata o 2007 oito deles acumularon máis de 12 meses de baixas e incluso un chegou ata os 20. Deste xeito, o rexedor pobrés cree que moitos destes axentes desatenderon de xeito importante o seu labor. Por este motivo, Maceiras anunciou que a partir deste ano se dará conta os veciños dos días efectivos traballados por cada un dos axentes, indicando vacacións, días de asuntos propios e libres e baixas laborais.

    Bo traballo

    Maceiras gabou o labor dos sete novos axentes que se incorporaron onte ao cadro de persoal para cubrir da policia local e deixou claro que os policias de baixa se reincorporen ao traballo cando consideren que están totalmente curados.

     Paralelamente a este asunto o rexedor anunciou que vén de ser designado pola Federación Galega de Municipios como membro da comisión de coordinación das policias locais. Así, Maceiras, canda dez alcaldes máis de distintos concellos galegos, formará parte deste órgano consultivo que entre outras tarefas ten a de debater a lei de policias locais galegos.

    Redacción Barbanza