A Xunta licitará o proxecto do centro de saúde de Noia no primeiro trimestre do ano

NOIA> Novo paso adiante para o futuro centro de saúde. A Xunta licitará no primeiro trimestre de 2024 a redacción do proxecto. De cumprirse os prazos administrativos sen incidencias, as obras podería dar comezo a principios do próximo ano.

Meses despois de que o concello de Noia puxese a disposición os terreos na zona de San Lázaro, a Consellería de Sanidade traballa no prego de condicións para sacar a licitación a redacción do proxecto do futuro centro de saúde da localidade. Se os prazos avanzan segundo o previsto, as obras poderían dar comezo a principios do ano que vén polo que o novo servizo podería estar funcionando en 2027.

A Xunta investirá preto de nove millóns de euros na construción do novo centro que contará cunha superficie de 4200 metros cadrados, o dobre que o actual ambulatorio.

Ademais de Noia, o Punto de Atención Continuada dará servizo ós concellos de Outes, porto do Son e Lousame polo que conta cunha capacidade asistencial para máis de 30 mil habitantes. En paralelo ás xestións por parte da Xunta o concello segue a traballar para incrementar a dotación de servizos no novo centro de saíde coa adquisición de novas parcelas para ampliar os espazos de estacionamento.