SALNÉS > Os tres equipos do Salnés acadaron outras tantas victorias. Das máis importantes, a do Extrugasa, que tras derrotar o sábado ó Hondarribia achégase ó playoff.
Rematou a mala xeira de resultados. Tras perder tres dos últimos catro partidos ligueiros, e caer na Copa e en Europa, o Extrugasa reecontrouse ca súa mellor cara. Foi o sábado contra o Hondarribia, rival directo na loita por meterse no playoff ó que aplastou por 22 puntos de diferencia, 68-46.
A clave, como ven sendo habitual nos triunfos das vilagarciáns, estivo na defensa, sobre todo durante a segunda metade na que foron capaces de deixar ás rivais en 18 puntos.
A diferencia co resto de encontros que se viñan perdendo últimamente foi o ataque. Por fin, tras varias semanas sen aparecer, fixo acto de presencia o xogo exterior. Gran partido de Sara Gómez con 13 puntos e clave tamén a aportación de Jo Hill, que rompeu o encontro con dous triples nada máis comezar a segunda metade.
Con este triunfo avantaxan xa en tres partidos ó noveno clasificado polo que se incrementan as opcións de xogar playoff.
En Liga EBA, o Inelga continúa imparable e venceu ó Marín Peixegalego por 78-85. Cuarto triunfo consecutivo e gran imaxe a dada polos homes de Juan Espiñeira durante os corenta minutos. O partido chegou igualado ós intres finais pero unha técnica sinalada ós locais deulle unha vantaxe de cinco puntos ó Inelga a falta de dous minutos, que soubo administrar. Pablo Villaronga volveu a se-la referencia en ataque e anotou 25 puntos.
Por último destaca-la victoria do Establecimientos Otero que se impuxo sen excesivos problemas ó pechacancelas da categoría, o Universitario Campus Ourense por 70-79. Os de Diego Doval continúan segundos táboa.
Redacción Salnés