Purito imponse en Ézaro e afiánzase no liderato da carreira

VILAGARCÍA> Hoxe a Volta Ciclista a España despediuse do Salnés. Despois de tres días pola comarca o pelotón partiu dende Vilagarcía cara Dumbría, onde rematou a etapa no Alto do Mirador do Ézaro. Alí o mellor volveu a ser Purito Rodríguez, que afianza o seu liderato e aumenta a 13 segundos a súa vantaxe sobre Alberto Contador.

{flowplayer}images/salnes/VoltaVilagarcia_300812.flv{/flowplayer} 

Era a primeira vez na historia que Vilagarcía acollía a saída dunha etapa da Volta Ciclista a España e notábase no ambiente. A xente non quixo perder a oportunidade de vivir en primeira persoa un evento de tal magnitude e dende primeira hora da mañá achegáronse ata a zona TIR onde a partires das 11:45 tivo lugar o control de firmas.

Os que estiveron máis hábiles puideron ver de preto a Alberto Contador, que ademais parouse a recibir de mans do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, unha bicicleta como agasallo para a súa fundación. Tamén recibíu o seu recoñecemento o corredor local, Gustavo César Veloso.

Polo control de firmas tamén puidéronse ver outras caras coñecidas, como a de David Cal, que non dubidou en fotografiarse con quen llo requeríu.

O pelotón partiu ás 12:40 facendo un primeiro treito neutralizado polas principais rúas de Vilagarcía para logo tomar dirección Caldas. Moraña, Cuntis ou Padrón foron outros dos concellos polos que pasou a Volta antes de encarar o Barbanza, co seu paso por Dodro, Rianxo, Boiro, Ribeira, A Pobra, Noia ou Porto do Son. Alí tamén a xente botouse ás estradas para presenciar de preto o paso dos ciclistas e darlles folgos de cara a un final de etapa que se presumía emocionante, coa ascensión final ó Mirador do Ézaro en Dumbría, un porto de tan só dous quilómetros de lonxitude pero de extrema dureza, con rampas de ata o 29%.

Ata alí chegaron por diante os catro corredores que protagonizaron a escapada do día: Mikel Astarloza, Amael Moinard, Cameron Meyer e Kevin de Weert. Sen embargo o empuxe dos favoritos no último treito botou abaixo a fuga. Un ataque final de Purito Rodríguez deulle a victoria de etapa por diante de Contador, que agora quédase a 13 segundos do liderato. Máis tempo perdeu Froome, que quédase a 51 segundos de Purito. Terceiro de etapa foi Valverde, que mantén o cuarto posto da xeral agora a 1’20" do maillot vermello.

Redacción Salnés