O cansancio pásalle factura ó BM Rasoeiro

balonman250_260208_001.jpgSALNÉS > Segunda derrota consecutiva para os de Lao Santos que non puideron aguantar o ritmo de xogo imposto polo rival e acabaron caendo por seis goles de diferencia (2834).

Dúas derrotas en outros tantos partidos. En calquera outro equipo poderíase comezar a falar de crise pero neste o traballo xa estaba feito dende hai tempo. Ata certo punto é lóxico que cheguen derrotas deste tipo xa que a falta de banquiño e de profundidade no plantel nun deporte como o balonmán, no que é un factor clave, nótase cando o rival é forte.

O do sábado pasado o era, tratábase do Calfoncal Lavadores, equipo da parte alta da táboa pero que camiña por detrás do Rasoeiro, incluso despois de terlle gañado. Comezaron ben os grovenses, sempre dentro dunha tónica de igualdade; ningún dos dous equipos puido coller vantaxes superiores ós dous goles e con ese marcador parello fóronse ós vestiarios. 18-17.

Na segunda metade cambiou a decoración; os locais notaron os problemas físicos cos que acudían ó encontro Borja e Bruno, e comezaron a pagar en exceso o ritmo físico que lles impuxera o rival dende o inicio, cando plantexara unha defensa moi aberta. O Calfoncal púxose entón por diante e foi aumentando a diferencia ata o 28-34 final, que reflicte o visto no campo.

Por parte do Rasoeiro, en ataque volveu a destacar Juanjo, un habitual, que anotou dez tantos. A vindeira xornada tocaralles visitar a cancha do Portadeza Lalín, ó que xa gañaron no encontro de ida en Monte da Vila por 31-25.

Redacción Salnés