Continúa a escalada de Barbeito e Grupo Junquera

futbolsala250_260208_001.jpgSALNÉS > Venceu o Grupo Junquera a domicilio (4-5) e tamén o Hermanos Barbeito, que se achega á salvación tras gañar 2-5 en Cesuras.

O que semellaba imposible pode facerse real. O Hermanos Barbeito comezou a amosa-la súa mellor cara no momento clave da temporada, ó final, cando todo se decide. Desta volta sumaron tres puntos fora da casa, ante o Cesuras O Loureiro ó que venceron por 2-5, nun partido que controlaron dende inicio os de Rodri pero que non puideron sentenciar ata o minuto final.

Adiantáronse moi cedo os locais, pero Noé empatou antes do descanso. Na segunda metade Luis e Beto poñían o 1-3, pero os locais, con porteiro xogador meteron o medo no corpo ó Barbeito cun tanto no minuto 38 que reducía diferencias; de tódolos xeitos, non se enrrugaron, e Salgueiro e Pibe puxeron o 2-5 final nos derradeiros intres. Este triunfo deixa os de Rodri aínda na penúltima posición da táboa con 18 puntos, pero agora a tan só dous da salvación.

 A vindeira semana enfrontaranse ó líder Estradense no que será un partido marcado pola rivalidade de anos que hai entre estes dous conxuntos.

Unha división por debaixo o Grupo Junquera continúa coa súa recuperación; nesta ocasión a súa vítima foi o Fene ó que derrotou a domicilio por 4-5. O partido foi igualado de comezo a fin e ningún dos dous equipos puido dispoñer de amplas vantaxes. Sempre foron por diante os vilagarciáns que tiveron que facer un grande traballo físico e mental, posto que cada vez que se poñían por diante os locais empataban prácticamente na xogada seguinte.

Ó final, un gol de Isaac a dous para o remate déulle-la victoria os de Santi Iglesias e a tranquilidade de saber que abren xa unha importante marxe de puntos cos postos de descenso.

A vindeira xornada recibirán na casa ó colista Outes, no que será unha grande oportunidade para sumar outros tres puntos e para continuar, por quinta semana consecutiva, sen coñece-la derrota.

Redacción Salnés