O PP comprométese a suprimir a peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Curro

    propostapp_100.jpgPONTEVEDRA > O PPdeG presentou esta mañá a que é para eles unhas das súas propostas máis ambiciosas para a provincia de Pontevedra, …

    … no que respecta ás infraestruturas. Eliminarán a peaxe da AP-9 entre Curro e Pontevedra, e farán da PO-531 que vai por este mesmo treito, unha travesía urbana. Esta é a súa alternativa ó proxecto da Consellería de Política Territorial, no que se prevé a transformación da estrada provincial nunha autovía. Levarana a cabo, prometen, de gañar as vindeiras eleccións xerais. Con esta medida permitiríase, segundo o PP, desconxestionar o tráfico da estrada provincial PO-531.

    A idea do Partido Popular é converter nunha avenida urbana a estrada, que rexistra un tráfico diario de máis de 20.000 vehículos, sendo uns 2.400 de transporte pesado. Por outra banda, ampliaríase a capacidade nos 8 quilómetros da AP-9 que van entre Pontevedra e Curro, cun carril máis por cada sentido. Unha alternativa que custaría uns 24 millóns de euros, e que aseguraron é máis factible que a autovía que quere a Xunta, xa que se evitaría a expropiación e derribo de vivendas en Curro. Para que se leve a cabo, necesitan poder gañar as eleccións xerais.

    A proposta, subliñou o presidente dos populares na provincia, Rafael Louzán, busca acadar unha Pontevedra máis unida co Salnés, na que se eliminen as barreiras comunicativas.

    Redacción Sálnés