POBRA> A actividade, organizada polo Puebla Fútbol Club, desenvolverase no campo de Cadreche do 23 de xuño ó 4 de xullo. Un ano máis as empresas asentadas no parque empresarial da Tomada patrocinarán o campus de fútbol base que organiza o Puebla Fútbol Club e que esta ano chega á súa oitava edición. O campus desenvolverase do 23 de xuño ó 4 de xullo, e nel poderán tomar parte rapaces de idades comprendidas entre os seis e os dezaseis anos. Ó longo das distintas xornadas desenvolveranse diversas actividades lúdico-educativas, en combinación coa ensinanza técnica e a convivencia con outros nenos, a través da práctica do fútbol como ben explicou o propio director deportivo do campus, Antonio Ríos ‘Vecho’. As inscricións poden realizarse ata o vindeiro 13 de xuño nas propias oficinas da concellería de Deportes na casa de cultura Raquel Fernández Soler. Aproveitouse tamén a ocasión para presentar a segunda edición do torneo de fútbol oito para as categorías pre-benxamín, benxamín e alevín que terá lugar os días 31 de maio e 1 de xuño no campo da Alta. No torneo tomarán parte a práctica totalidade dos clubs da zona e tamén de toda Galicia e nel xa confirmaron a súa asistencia os equipos base do Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo e o Sporting de Xixón.
Inicio Deportes