As familias da Lomba reclaman que se manteñan as tres liñas de cuarto de Infantil

VILAGARCÍA> A ANPA do colexio A Lomba, en Vilagarcía, disposta a dar guerra trala decisión da Consellería de Educación de eliminar unha das tres liñas previstas para cuarto de infantil. Tamén dunha praza de profesora desta etapa educativa. As nais e pais denuncian que se trata dun engano, xa que a medida tómase despois de pechar o prazo de matriculación. Tamén insisten en que eliminar unha das aulas suporía un importante golpe á calidade do ensino. Hoxe mantiveron un encontro coa dirección do centro. Ademais, están a buscar o apoio da corporación vilagarciá ás súas demandas.

A comunidade educativa do colexio A Lomba rexeita de pleno a decisión da Consellería de Educación de eliminar unha das tres aulas de cuarto de infantil e unha praza de profesora desta etapa.

Inspección Educativa trasladou esta decisión o pasado martes 30 de xuño. Hoxe o equipo directivo convocou ás familias a unha reunión para explicar as consecuencias. Xefatura tamén lles reclama que sexan eles os que decidan cal das tres liñas se vai suprimir: unha das dúas que hai na Lomba ou a terceira, situada no Anexo. Algo ao que a dirección se nega.

Para a ANPA esta medida de Educación é tamén un engano para as familias. Denuncian que escolleron matricular os seus fillos nun centro cunhas condicións que se están a mudar.

E é que ademais temen que a supresión desta aula sexa o inicio de máis recortes.

Ademais desta reunión coa dirección do centro, a ANPA está a buscar o apoio dos partidos da corporación municipal en diferentes encontros. Pola súa banda, o goberno local xa anunciou hoxe a convocatoria da xunta de voceiros para a semana que vén para planificar unha postura institucional contra esta decisión da Xunta e dar forma a unha moción que se levará ao vindeiro pleno. O concello solicitará tamén unha reunión coa Xefatura Provincial de Educación.