O BNG pide a dimisión do alcalde polo proxecto frustrado da Escola Obradoiro

    CATOIRA > As boas relacións entre PSOE e BNG a nivel autonómico teñen a contrapartida a nivel local en Catoira, onde o voceiro nacionalista pedía a dimisión do alcalde, Alberto García. Foi no transcurso dun pleno extraordinario, no que o rexedor foi tamén increpado polos veciños presentes, que o insultaron e o acusaron de mentir e de enfrontar ós comuneiros de San Miguel no proxecto frustrado da Escola Obradoiro.

    Celebrábase un pleno extraordinario solicitado polo BNG para tratar a negativa da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia á concesión do Obradoiro de Emprego para a recuperación da lagoa de Pedras Miúdas, o que supón a perda de 45 postos de traballo e mais de 840.000 euros. A perda da escola taller desencadeou un cruce de críticas entre PSOE e BNG: o alcalde, Alberto García, sinala directamente a dous membros da xunta directiva da comunidade de montes San Miguel por non asinar a acta que avalaría a cesión dos terreos da Lagoa para ese proxecto durante 25 anos.

    Pola súa banda, o BNG cre que a única responsabilidade do fracaso é a incapacidade negociadora e de xestión do equipo de goberno, por non poñer en funcionamento a comisión que se constituíu formada polos representantes dos grupos políticos e da comunidade de montes para chegar a un acordo satisfactorio para todos. Segundo García, esa negativa da comunidade de montes non só provocou a perda do taller de emprego, senón tamén o retraso da declaración de Pedras Miúdas como espazo natural de interese local, pero para os comuneiros esas perdas son debido á mala xestión do equipo de goberno.

    Os comuneiros de San Miguel decidiran en asemblea co 70% dos votos a favor ceder os terreos para recuperar o contorno de Pedras Miúdas e revogar o contrato existente coa empresa Remosil, que ten en marcha o proxecto dun vertedoiro para residuos da construcción en Pedras Míúdas, tralo contrato de concesión asinado coa anterior xunta directiva dos comuneiros hai 4 anos. Durante a sesión plenaria vivíronse momentos de gran tensión, cando os veciños que asistiron á sesión increparon ó rexedor, instándoo a que presente a súa dimisión por enfrontar ós veciños e mentir, co único propósito de conservar a alcaldía e posicionar ós comuneiros en contra da xunta directiva da Comunidade.

    Redacción Salnés