O alcalde reitera a correcta actuación na concesión da licenza a talleres Ramos

    derrubetaller_100_280208.jpgRIANXO > A orde de derrube que pesa sobre o taller de pedra Ramos segue a ser o centro da polémica en Rianxo.

    {flowplayer}barbanza/derrube.flv{/flowplayer}

    Despois de varios días nos que se realizaron todo tipo de acusacións e declaracións polémicas, o alcalde de Rianxo quixo saír ós medios de comunicación para aclarar que se ben acata a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non a comparte polo prexuízo que vai ocasionar ós traballadores e ás súas familias.

    Pedro Piñeiro amosou os documentos que avalan a corrección no proceso de concesión da licenza, don informes favorables do enxeñeiro e o arquitecto municipal así como do secretario do concello. Lembrou ademais que foi aprobada en comisión cos votos a favor do BNG e do PP.

    O alcalde tamén fixo alusión ás declaracións efectuadas nos últimos días polo promotor da denuncia en contra do taller Ramos, Javier Iglesias Fungueiriño, que responsabiliza ó concello desta situación acusándoo dun suposto agravio comparativo ó non concederlle a el mesmo unha licenza para ampliar o seu negocio, tamén un taller de pedra, situado na mesma zona. Pedro Piñeiro explicou que certamente pediu esa licenza pero que en abril de 1999 solicitou a anulación desta solicitude.

    Curiosamente, a empresa do denunciante tamén podería carecer de licenza polo que os servizo xurídicos do concello están a estudar a súa legalidade. Aínda así, dende a alcaldía queren deixar clara a súa enérxica condea ás ameazas e suposto acoso que di estar sufrindo o denunciante.

    A pesar do apoio social amosado ós afectados da empresa Ramos, o executivo ve difícil que se anule a sentenza de derrube posto que o denunciante están instando ó seu cumprimento. Non obstante, dende o concello seguirán a apoiar ós afectados en tódalas medidas que decidan levar a cabo.

    Manifestación

    Precisamente, en solidariedade cos afectados da empresa Ramos, CCOO convocou para este domingo unha manifestación.

    Para a dirección comarcal de CCOO, o empresario rianxeiro Xosé Ramos e os seus dezaséis traballadores son vítimas inocentes da gran inxustiza que supón o precintado e derrube do seu negocio. A organización sindical non está en contra da execución da sentenza pero insisten en que non se está a ter en conta a realidade social posto que Rianxo é un concello sen chan industrial, onde non existe outra posibilidade legal para a implantación deste tipo de empresa. Por eso solicitan que se dilate a execución da orde de derrube ata que non exista unha alternativa viable.

    Cumprimento da legalidade

    O responsable sindical lembrou ademais que o empresario afectado cumpriu en todo momento coa legalidade posto que solicitou tódolos permisos necesarios e lle foron concedidos. Ademais sostén que a empresa, no lugar en que se ubica na actualidade, non supón ningún prexuízo para os veciños nin para o medio ambiente.

    Xosé Lamela quixo agradecer o respaldo político e social que están a recibir o empresario e os traballadores e fixo un chamamento á cidadanía para participar na manifestación que partirá dende o lugar da Atalaia, en Asados, o domingo ás once e media da mañá.

    O sindicato fletará cinco autobuses dende Cabo de Cruz, Triñáns, Ponte Beluso, Dodro e Lousame para facilitar o desprazamento de tódolos veciños que desexen acudir á concentración de apoio. Lamela fixo un último chamamamento á participación, aludindo ás razóns morais existentes para defender o caso do taller Ramos.

    Redacción Barbanza