Aberta a consulta sobre o futuro de Cerqueira ata o 7 de agosto

RIBEIRA> A cidadanía ribeirense terá ocasión de participar no futuro proxecto da nave de Cerqueira a través dunha enquisa para decidir os seus usos. Os interesados en facer as súas achegas dispoñen de prazo ata o 7 de agosto a través dun formulario que xa está dispoñible na web municipal.

Na súa liña de fomentar a participación veciñal nos proxectos municipais, o concello de Ribeira está a realizar unha enquisa para concretar os usos futuros da nave de Cerqueira, que dende o pasado mes de febreiro forma parte do patrimonio público.

A alcaldesa matizou que se trata dun ben catalogado, con especial protección, polo que o seu uso futuro deberá respectar a súa esencia relacionada coa identidade mariñeira, a cultura, a innovación e as novas oportunidades para o territorio.

O formulario estrutúrase en catro campos sobre os valores, actividades ou necesidades que pode presentar. Estará operativa na web municipal ata o 7  de agosto.