O Barbeito, a piques de da-la sorpresa ante o líder

futbolsala250_040308.jpgSALNÉS > O conxunto portonovés caeu por 5-7 ante o Estradense. As boas novas chegaron dende Vilagarcía onde o Grupo Junquera desfíxose sen excesivo problemas do Outes.

Durante moitos minutos pensouse que unha victoria do Hermanos Barbeito era posible, pero ó final o peso do líder caeu sobre os portonoveses. Un partido repleto de alternativas, no xogo e no marcador aínda que os locais foron os que dispuxeron de máis ocasións durante os 40 minutos. Adiantouse moi cedo o Estradense pero Beto e Pibe déronlle-la volta ó electrónico antes de chegar ó descanso. Foi unha primeira metade onde os de Rodri saíron moi centrados, sobre todo en defensa tanto nas marcaxes individuais coma nas colectivas.

Pero na segunda metade cambiou a decoración, porque os visitantes tiraron de calidade. Tamén se aproveitaron da rigurosa expulsión de Pibe para marcar diferencias estando en superioridade numérica. Neses dez primeiros minutos da segunda metade recibrion catro goles e o marcador púxose 2-5. Despois, tres tantos de Fisgas meteron o Barbeito no encontro pero non foron suficientes para rete-los tres puntos. O final 5-7 e os portonoveses quedan agora a cinco da permanencia.

Mellor lle van as cousas ó Grupo Junquera, que se mantén oitavo na táboa e con oito puntos de marxe co descenso despois de recuperar nos últimos encontros. A última victima foi o Outes, o colista ó que venceu 6-4. Foron superiores os de Santa Iglesias aínda que non o amosaron ata a segunda metade.

Con 1-1 ó descanso, os vilagarciáns puxeron a quinta marcha na reanudación e resolveron o encontro con catro tantos en dez minutos. Kinso e Óscar foron os autores dos goles, firmando ambos un hat-trick. O seu rival da vindeira semana será o Concello Trabada.

Redacción Salnés