Pesca modifica as piscifactorías de Couso e Seráns pero mantén a de Laxe Brava

    revisionplanacuicola_100_040308.jpgBARBANZA > Tras analizar as numerosas alegacións presentadas ó Plan de Acuicultura, Pesca anunciou unha serie de modificacións no documento.

    {flowplayer}barbanza/revisionplanacuicola.flv{/flowplayer}

    A revisión suporá a redución ou eliminación dalgunhas das piscifactorías proxectadas. Entre elas, a ampliación do parque de Couso e a redución da extensión da planta de Seráns en Porto do Son, limitando á súa extensión a 24.500 metros cadrados.

    Finalmente, o amplo rexeitamento social que xeraron estes dous proxectos entre os habitantes das comarcas do Barbanza e Muros-Noia obtivo resultados e a Consellería de Pesca decidiu modificar as actuacións previstas en Couso e Seráns.

    No primeiro dos casos, estaba prevista unha reserva de terreo de 55 mil metros cadrados para a ampliación da piscifactoría existente que finalmente non vai ser acometida. A Xunta de Galicia considera xustificada a alegación presentada polo concello de Ribeira na que destaca o carácter investigador e non produtivo da planta o que a sitúa nun ámbito alleo ó Plan Sectorial.

    No caso da ampliación da piscifactoría de Seráns, prevista en 115 mil metros cadrados, redúcese a 24.500 en cumprimento da petición realizada pola propia empresa Nastos, responsable das instalacións.

    O director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, informou tamén doutras modifciacións previstas no plan que afectan ás plantas de Orelludas, Mougás, Punta dos Patos, Punta Moreiras, Ardía, Merexo, Seiruga, Meirás, Lago, Foxo Longo, Corvo, Cabo de Cee ou Regodola.

    Macropiscifactoría na Laxe Brava

    Sen embargo, mantense tal e como estaba o proxecto de construción da piscifactoría de 308 mil metros cadrados en Laxe Brava, Corrubedo. Esta actuación foi unha das que máis controversia social posto que ó gran impacto ecolóxico hai que sumar a necesidade de expropiación de numerosos propietarios. Por iso, haberá que agardar a resposta dos afectados ante a decisión do departamento autonómico.

    Cambios insuficientes

    A que non se fixo agardar foi a resposta dos demais grupos políticos. Mentres o BNG celebra as modificacións aínda que as considera insuficientes, o PP acusa á Xunta de falsear datos e enganar ós cidadáns. Refírense especialmente ós populares ó anuncio da supresión das plantas de Punta Corvos, Touriñán e Punta do Corno incluídas no anterior proxecto do goberno do PP pero que nunca chegaron a contemplarse no actual Plan Acuícola.

    Redacción Barbanza