A Deputación da Coruña pon en valor o papel das mulleres no mar

RIANXO> A Asociación Mulleres do Mar de Arousa e a Deputación da Coruña organizaron en Rianxo a xornada ‘Muller e Medio Ambiente na ría de Arousa’. Ademais de analizar o papel feminino no sector pesqueiro, desenvolvéronse diversas charlas e actividades sobre educación ambiental. A clausura correu a cargo do presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O auditorio de Rianxo quedouse pequeno para acoller ó gran número de asistentes á xornada ‘Muller e Medio Ambiente na ría de Arousa’, organizada este sábado pola asociación de Mulleres do Mar de Arousa en colaboración coa Deputación da Coruña. Ante un público eminentemente feminino, numerosos relatores abordaron o peso específico da muller no sector con cifras que, tal e como apuntou o presidente da Deputación, non deixan lugar a dúbidas.

A segunda parte da xornada centrouse na educación ambiental con charlas sobre o papel das microalgas ante a contaminación química ou a incorporación de prácticas sostibles que reduzan os descartes e residuos na pesca.

Houbo tamén un espazo infantil para nenos maiores de seis anos con obradoiros sobre fauna mariña. Ó remate da xornada, o presidente da Deputación comprometeu a súa colaboración para seguir a desenvolver este tipo de encontros co tecido produtivo para seguir avanzando cara unha pesca máis sostible.