A Garda Civil achega o seu labor ós escolares do Barbanza a través dunha exhibición solidaria

BOIRO> Escolares de todo o Barbanza coñeceron máis de preto o labor que realizan as distintas unidades da Garda Civil durante a exhibición desenvolvida no colexio boirense de Santa Baia. A iniciativa tivo tamén carácter solidario posto que os pequenos achegaron 600 quilos de alimentos que foron doados a Cáritas.

Os pequenos que durante toda a xornada pasaron polo pavillón do colexio Santa Baia en Boiro non quedaron indiferentes ante o gran despregamento de medios realizado pola Garda Civil para dar a coñecer o seu labor entre os máis cativos.

Os vehículos centraron boa parte da atención dos pequenos atraídos polas luces de emerxencia e o son das sereas aínda que, sen dúbida, o que causou maior expectación foron as exhibicións dinámicas realizadas polas distintas unidades. O Grupo de Intervención de Montaña simulou o rescate e evacuación dun ferido mentres que a Unidade de Seguridade Cidadá amosou ós cativos como reducir e deter a un perigoso delincuente. O momento máis especial da xornada chegou da man de Bruno, que amosou as súas habilidades xunto cos seus adestradores do servizo Cinolóxico da Garda Civil.

Esta exhibición enmárcase no Plan Director de Convivencia Escolar mediante o que as forzas e corpos de seguridade do Estado colaboran cos centros educativos para previr e concienciar ós máis pequenos en temas como o acoso escolar, as adiccións ou o seu posicionamento nas redes sociais.