O Arousa dá a nota negativa nunha xornada case redonda

futbol250_100308.jpgSALNÉS > Victorias importantes de Céltiga e Portonovo que os alonxa dos postos de descenso. Tamén gañou o Vilalonga na casa ó Cerceda mentres que o Arousa non puido da-la sorpresa na casa do líder onde caeu goleado.

Tras seis semanas sen coñecer a victoria o Vilalonga voltou pola senda do triunfo tras doblegar onte a un serio candidato ó ascenso, o Cerceda, por 2-1. Os de Josiño Abalde souberon sobrepoñerse ó gol visitante na primeira metade, e Saúl primeiro e Aitor no último minuto e de falta directa dende o mediocampo déronlle-la volta ó marcador. Son agora oitavos a oito puntos do cuarto posto.

Se seguimos baixando na clasificación atopámonos co Arousa no undécimo posto con sete puntos de colchón co descenso. Os vilagarciáns caeron onte con estrépito en San Lázaro por 6-1. Fixeron unha boa primeira media hora os de Laxes pero os derradeiros quinces minutos da primeira metade sentenciáronlles, chegando ó descanso cun 3-0 en contra. O único gol arousano foi obra de Roberto.

Pola zona baixa a cousa está que arde. Hai seis equipos metidos en catro puntos, tratando de evita-lo descenso. Polo bo camiño vai o Portonovo, que leva sumados nove dos últimos doce puntos en xogo; coa súa victoria do sábado no Couto ante o Ourense B (2-3), respira un pouquiño aínda que non se pode despistar porque continúa a tres da zona vermella.

Esta semana saíu deses postos de descenso o Céltiga, que venceu ó pechacancelas Lemos con máis apuros dos esperados. Un solitario gol de Beni no minuto 45 déullela victoria ós de Manuel Núñez. Agora son decimoséptimos, ocupando a primeira praza da salvación empatados a puntos co Betanzos.

Unha división por debaixo, en Preferente Autonómica, o Riabadumia caeu co Caselas 1-0 e o Unión de Grove gañou en Tomiño, tamén pola mínima, 0-1.

Redacción Salnés