Un Hnos. Barbeito imparable golea ó líder a domicilio

futbolsala250_181108.jpgSALNÉS > Cara e cruz para os equipos do Salnés. A mala nova deuna o Grupo Junquera que caeu na casa ante o Caloto, mentres que a boa deixóunola o Hermanos Barbeito que foi quen de vencer na cancha do líder Cesuras.

O Grupo Junquera encaixou a súa segunda derrota da temporada ante o Calotoloyo en Fontecarmoa (2-5). Foi probablemente o peor partido do que vai de ano dos de Diego Mollinedo; o rival era de entidade, pero levouse os puntos grazas os regalos que lle deu o Junquera.

Catro dos cinco goles que encaixaron viñeron por un erro grave de porteiro ou defensa. Os visitantes foron todo o encontro por diante aínda que o partido puido dar un xiro a cinco minutos para o final, cando Ángel reducía vantaxe e poñía ó conxunto vilagarcián con 2-3 no marcador.

Pero a sorte de novo déulle-las costas neses instantes finais e o Caloto soubo sentenciar o encontro. Con esta derrota o Junquera cae á quinta posición da xeral, sobrepásano Caloto e Barbeito aínda que continúa a cinco puntos do liderato.

Se continúa a esa diferencia é porque o Hermanos Barbeito deu a campanada e venceu na pista do ata o sábado intratable líder Cesuras O Loureiro por 3-8, marcador incontestable.

Os portonoveses, despois dun mal arranque de temporada, estanse a reivindicar e a demostrar que son o máximo candidato o ascenso, a base de goleadas contra tódolos rivais, non importa o nome.

No partido ante o líder as cousas puxéronse de cara xa no primeiro minuto, cun gol de Javi Santos; ós nove xa vencían por 0-4, ampla marxe que lles servíu para centrarse na defensa e saír rápidos ás contras, nas que mataron o encontro.

Foi digno de destacar o gran papel realizado na portería por Néstor, e o debut de Bruno Ribeiro, a nova fichaxe do Barbeito, que fixo un gol. Son agora terceiros na táboa, apuntando moi alto e a tres puntos do Cesuras.

Redacción Salnés