SALNÉS> O Vilalonga recuperou boas sensacións esta fin de semana tras vencer ó Pontevedra B e distanciarse do descenso xa en sete puntos. Coa situación deportiva en clara melloría, agora volve a preocupar a económica. Dende a directiva continúase a traballar neste aspecto e xa anunciaron que prevén ingresos que lles permitan pagar ós xogadores tres mensualidades máis.
Por todos é sabido que a crise económica golpea con especial contundencia ós clubs deportivos. En moitos casos o inxenio para acadar financiación e o apoio dos socios, salvan a situación, casos por exemplo de Cambados e Arosa.
No caso do Vilalonga estase a facer un importante traballo á hora de atraer apoios do sector privado. Nas últimas semanas entraron ingresos por vallas publicitarias e a situación mellorou. Se no mes de novembro saltou a alarma despois de que a directiva só garantizara os pagos ata Nadal, agora veñen de asegurar que o club ten fondos para cumplir con plantel e corpo técnico outros tres meses e pagarlles decembro, xaneiro e febreiro. Iso sí, volven ser cautos e non prometen que se poda facer fronte ós salarios de marzo, abril e maio, así como ás dúas mensualidades que se lles debe ós xogadores do ano pasado.
Esta situación provocou esta semana a marcha de dúas pezas fundamentais nos esquemas de Gabi Leis, os dous vigueses, Abraham e Avendaño. O primeiro, por motivos persoais e cunha importante oferta do Nigrán enriba da mesa, non dubidou en facer as maletas. O mesmo camiño seguirá Avendaño, que non atopou o seu sitio en San Pedro.
Ambos recibirán a baixa federativa o vindeiro luns, xa que dende a directiva quérese tomar esa decisión xunto cos socios, na asemblea que se celebrará no local social do club o domingo ás 11:30 horas. Nela tamén se lles informará sobre os avances que a directiva fixo en materia económica nas últimas semanas.
A partir do domingo o club porá a vista no mercado. Con 13 xogadores de campo no primeiro plantel, despois de perder durante a primeira volta a Jacinto e ós dous vigueses, a necesidade de reforzar o equipopese ós problemas económicos é incuestionable. Unha decisión que foi tomada coa aprobación do vestiario, que ve tamén necesaria algunha fichaxe.
Redacción Salnés