Tres variedades de uva branca ‘inexploradas e descoñecidas’ medran dende hoxe no Salnés

O SALNÉS> Tres variedades “minoritarias e descoñecidas” de uva branca medran dende hoxe nun viñedo do Salnés. Este particular cultivo forma parte dun estudo impulsado polo CSIC e Mar de Frades. A investigación busca descubri-las potencialidades destas variades para tentar crear novos viños tan orixinais como únicos.

Nestes terreos de Ribadumia medran xa as cepas de ‘Brancellao branco’, ‘branca descoñecida 1’ e ‘branca descoñecida 2’. Estas denominación xa indican a pouca información que se dispón destas variedades: son tres tipos de uva branca inexploradas, únicas no mundo. O CSIC, o Consello Superior de Investigacións Científicas, a través da Misión Biolóxica de Galicia, leva 30 anos estudándoas.

Agora, a investigación continúa no viñedo, cun estudo detallado do seu comportamento.

Os investigadores consideran “interesantes” estas tres variedades de cara a conseguir viños de calidade e únicos no mundo.

A plantación levouse a cabo nunha propiedade de Mar de Frades, froito dun acordo de colaboración entre a adega e o CSIC.

As variedades proveñen de diferentes puntos de Galicia, algunha delas de máis de 200 anos. Dalgunha só quedaban dúas cepas, polo que estaba practicamente desaparecida. Agora só queda agardar a ver cal é a súa elaboración. Se cadra, nuns anos, pasen a formar parte da lista de caldos con denominación de orixe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí