![]()
VILAGARCÍA > O servicio do GRUMIR Protección Civil de Vilagarcía ven de pechar as súas portas.
Desde este sábado a noite, este corpo só está operativo en horario de mañá de luns a venres; cun único empregado, o seu presidente, o funcionario Francisco Javier Guillán Busto, que realizará dende o despacho soamente tarefas administrativas ou de coordinación dos case medio cento de voluntarios, en operativos programados.
A supresión deste servicio de emerxencia é o froito da lei de pacto local do 2007, entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia, en virtude do cal o goberno galego suprime á subvención anual destinada ó mantemento deste corpo naqueles concellos nos que xa conten con servicio de Bombeiros de Galicia.
Así o remanente destes cartos poderían ser redestinado a outros concellos galegos, malia que non teñan unha infraestructura de emerxencia creada. Esta situación xa se deu noutros concellos das Rías Baixas, como Ribeira e Boiro, e neles o Concello decidiu asumir os custes dunha plantilla algo máis reducida para seguir mantendo este servicio á cidadanía.
Os vilagarciáns están comezando a darse conta de que a partir de agora non disporán desta axuda de 24 horas o día os 365 días do ano, polo que xa están manifestándolles o seu apoio. Un recoñecemento que agradecen desde esta agrupación e que piden que se manteña nos vindeiros días, nos que teñen pensado emprender diversas medidas de presión para solicitar que se reestableza o servizo.
Desde os grupos da oposición, tanto IVIL como o PP, veñen de solicitar que se convoque unha xunta de portavoces urxente na que abordar este tema e impedir a desaparición deste servicio. Desde estes dous grupos denuncian tamén o silencio que se está mantendo inexplicablemente dende a alcaldía, e o Partido Popular xa anunciou que elevará este tema ó parlamento galego.
Pola súa parte, desde o goberno municipal esclarecen que o único que desaparece é o Grupo municipal de intervención rápida, o GRUMIR de protección civil, pero que o grupo de voluntariado vai a seguir adiante. Deste xeito, as emerxencias serán de agora en diante atendidas polos bombeiros; e o resto das tarefas serán asumidas por outros servizos municipais. En calquera caso, segundo o Concello vilagarcián a cidadanía continuará ben atendida.
Redacción Salnés






