Os veciños de Santa Cruz presionarán ó goberno para conseguir servizos básicos

    vecinossantacruz_100_030408.jpgPOBRA > Cansos da carencia de servizos básicos na parroquia, os veciños de Santa Cruz de Lesón volveron denunciar a falta de saneamento.

    {flowplayer}barbanza/vecinossantacruz.flv{/flowplayer}

    Os veciños de Santa Cruz, na Pobra, xa non saben que facer para lograr que o executivo local dote de rede de saneamento á maior parte desta parroquia. Despois de presentar múltiples alegacións ós orzamentos municipais, solicitando que se consigne unha partida para atender ás necesidades básicas deste núcleo de poboación, os afectados decidiron acudir ós tribunais.

    Denuncia en Europa

    Xa hai uns meses presentaron unha denuncia no xulgado número 4 de Santiago e agora ameazan con levar o caso ata Bruxelas para que as súas peticións sexan atendidas.

    Segundo os veciños, as alegacións foron presentadas en tempo e forma de acordo coa lei aínda que o concello decidiu rexeitalas en base a un informe de intervención. Por iso, solicitarán o citado informe que serviu de base para non autorizar a partida e, de non estar de acordo, seguirán adiante co pleito.

    Campaña informativa

    Ademais da vía xudicial, os veciños están dispostos a iniciar unha campaña informativa para concienciar a toda a poboación da situación en que se atopa a parroquia. Tamén teñen previsto remitir escritos tanto á deputación da Coruña como ás Consellerías de Sanidade, Medio Ambiente, Medio Rural e Política Territorial, para denuncia-la súa situación. E é que segundo os residentes, o goberno discrimina a Santa Cruz posto que non está a dotala dos servizos mínimos básicos que establece a lei de bases da administración local.

    Redacción Barbanza