O BNG avoga polo dereito a decidir

    RIBEIRA> O pasado xoves coñecíamos a decisión do senado de tramitar de urxencia e en lectura única a abdicación do Rei, algo que rexeitan os nacionalistas do Barbanza. O BNG opta por modificar a constitución e abrir un novo proceso constituínte na cal o pobo poida decidir o seu futuro.

    Tras a abdicación do Rei, o BNG realizou numerosas mobilizacións e iniciou actuacións nos concellos, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados para promover o dereito a decidir. Os nacionalistas rexeitan o Proxecto de Lei Orgánica que permitirá a tramitación de urxencia da abdicación do Rei Don Xoan Carlos e critican que os socialistas firmaran este pacto que non ten en conta á cidadanía. Os nacionalistas incluíron nunha emenda a petición dun referendo para que o pobo poida elixir o modelo de estado que prefire, ben monarquía ou ben república. Consideran ademais que a abdicación do Rei e o momento idóneo para modificar a constitución e garantir o dereito de autodeterminación das nacionalidades históricas. Rosana Pérez, deputada no Congreso, considerou ademais que os últimos escándalos da Casa Real impulsaron que a xente saíra as rúas a pedir un cambio.