Arousa Norte recollerá información en tempo real sobre o perfil dos turistas

    BOIRO> A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte conta cun novo sistema informático destinado a recoller datos sobre o perfil do turista en tempo real. Esta ferramenta, dispoñible nas oficinas de tódolos concellos da comarca, permitirá deseñar estratexias adaptadas ás necesidades dos visitantes. A próxima semana entrará en servizo o novo sistema informático de recollida de información de Arousa Norte que permitirá coñecer o perfil dos turistas que visitan a comarca. Trátase dun mecanismo moi sinxelo no que os propios visitantes realizan as enquisas a través dunhas pantallas táctiles. A posta en marcha desta nova ferramenta foi posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña que financiou os equipamentos informáticos e á Axencia Galega de Turismo que deseñou o software adaptándoo ás necesidades da Mancomunidade. O director de competitividade da Axencia lembrou que se trata dun software libre a disposición daquelas administracións interesadas ó igual que o sistema de reservas para a hostalería, dispoñibles ámbolos dous na web de Turismo da Xunta. O presidente da Mancomunidade agradeceu a colaboración de tódalas administracións para poder poñer en marcha este sistema que permitirá elaborar unha oferta adaptada co fin de desestacionalizar o turismo.