Cacabelos afirma que si hai munición ecolóxica á venda

    plenogrove100_020408.jpgO GROVE > Non está nada claro aínda se haberá ou non Campionato de Tiro ó Pombiño en xullo. Os organizadores afirman que non existe …

    {flowplayer}images/salnes/plenotiropichon.flv{/flowplayer}

    O GROVE > Non está nada claro aínda se haberá ou non Campionato de Tiro ó Pombiño en xullo. Os organizadores afirman que non existe no mercado munición ecolóxica, condicionante que pon Medio Ambiente no seu informe favorable á proba e que xa remitiu á Subdelegación do Goberno. Sen embargo, o alcalde afirmou hoxe que si hai empresas que comercializan este tipo de munición, iso si, moito máis cara.

    Munición ecolóxica. Ese é o quid da cuestión no conflicto do Tiro ó Pombiño do Grove. Medio Ambiente pono como condición para que a proba reciba a autorización pertinente, pero a organización, colectivos empresariais e mesmo os grupos da oposición afirman que esta munición é imposible de conseguir arestora no mercado.

    Sen embargo, o alcalde José Antonio Cacabelos afirmou hoxe o contrario. Dixo recibir un e-mail dunha empresa española que si comercializa cartuchos ecolóxicos, do mesmo calibre que se precisa para o Tiro ó Pombiño e que arestora o exporta ós países nórdicos. Pero se un cartucho de chumbo custa 20 céntimos de euro, un ecolóxico dispárase a 2 euros. Para o rexedor está claro que o problema para que non haxa campionato na Toxa é económico.

    APOIO DO PLENO 

    O pleno do Grove aprobou hoxe por unanimidade dar o seu apoio ó Campionato do Tiro ó Pombiño da Toxa. A sesión extraordinaria realizouse a petición do PP e A Meca, que destacaron a antigüidade da proba e as repercusións económicas que ten para o municipio. Destacou a posición do BNG, que a pesares de ser contrario a esta actividade quixo ser fiel ó pacto de goberno e votou a favor. Iso si, antes do pleno, deron a coñecer as súas alternativas: unha ruta turística do mar e unha feira do mar. 

    Redacción Salnés