Valga recorda á Bella Otero cun cabaret para todos os públicos

VALGA> A Bella Otero regresa a Valga. O concello continúa a reivindicar a figura esta muller no 150 aniversario do seu nacemento. A culminación do programa sobre esta valguesa internacional será o vindeiro domingo 16, cando se celebrarán varias actividades e un espectáculo teatral no auditorio municipal.

O vindeiro domingo 16 toda Valga recordará á súa veciña máis internacional. O concello prepara un programa de actividades para facer que A Bella Otero volva á súa vila natal.

A programación comezará ás 5 da tarde cunha recepción no concello. Despois, haberá unha ofrenda floral aos pés da estatua que A Bella Otero ten no Parque Irmáns Dios Mosquera, para continuar cunha visita guiada ao Museo da Historia. No auditorio celebrarase a actividade principal: un cabaret apto para todos os públicos e en clave de humor.

Estas actividades forman parte dun proxecto turístico máis amplo ao redor da figura da Bella Otero, que fora un persoeiro clave na Belle Epoque. De xeito permanente, na páxina web municipal poderá consultarse información sobre ela e a súa vida, e coñecer Valga da súa man a través dunha contorna web interactiva 360º.

Dende o concello convidan aos veciños a acudir vestidos de época ás actividades do domingo 16. Haberá premios para os mellor caracterizados e moitas sorpresas, ademais dunha chocolatada para todos os asistentes e un photocall.