O Ministro do Uruguay resalta os lazos comerciais entre o país e Pontevedra

    ministro_uruguay_100.jpgPONTEVEDRA > O Ministro de Transportes e Obras Públicas do Uruguay, Víctor Rosi, visitou esta mañá a Deputación de Pontevedra, nunha rolda de entrevistas …

    … que iniciou onte en Santiago, co Presidente da Xunta. O obxectivo destes encontros é o de acadar a apertura de liñas de traballo e diálogo para pechar posibles acordos entre o país suramericano e a nosa comunidade.

    O Uruguai e a provincia de Pontevedra manteñen importantes lazos de unión non só a través dos emigrantes galegos, senón tamén dos residentes do país suramericano na provincia. En total hai algo máis duns 7.000 habitantes deste país en Pontevedra, que é ademais o único do mundo no que a provincia conta cun Centro Galego propio.

    Pero na visita de hoxe do Ministro de Transportes do Uruguai á Deputación, tamén se falaron dos vínculos comerciais que mantén ou podería manter a república suramericana con Galicia. As actividades portuarias e o transporte marítimo nun estado que manexa un 60 por cento das mercadorías da rexión, son outra das novas liñas de colaboración que a república pode abrir con Galicia, coa ampliación do porto de Montevideo.

    Outro sector que podería crear unha nova factoría no país sería o da celulosa, pero ademais o Uruguai tamén se pode converter agora nun importante foco de atracción para as construtoras españolas, ó necesitar estas carga de traballo, e o país medios cos que mellorar as súas infraestruturas.

    Na recepción desta mañá na Deputación, tamén estiveron o cónsul da república en España, Ricardo González, unha delegación duns 20 empresarios do país e o Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra. Mañá o político uruguaio porá fin á súa visita pola nosa comunidade en Vigo.

    Redacción Salnés