Un ano despois da traxedia, Valga sigue cruzando polos pasos a nivel

    pasonivelcampaa100_250408.jpgVALGA > O concello de Valga revive a traxedia do paso a nivel de Campaña. Hai un ano xa do accidente ferroviario que lle custou a vida a tres obreiros, …

    … José García e Jesús e Roberto Martínez. A parroquia de Campaña, coa colaboración do Concello, celebra unha misa ás oito desta tarde, e logo colocarase unha coroa de flores no monolito levantado no lugar.

    Valga rememora estes días un dos capítulos máis negros da súa historia. O 25 de abril de 2007 producíase o fatal accidente ferroviario que lle custou a vida ós tres obreiros Jesús Martínez Senín, Roberto Martínez Ríos e José García Bejo. O coche no que circulaban foi alcanzado polo tren no paso a nivel de Campaña e aínda hoxe non quedou resolto o acontecido.

    pasonivelcampaa_accidente200_250408.jpgFamiliares e veciños insistiron en que o sistema automático que manexa as barreiras levaba días funcionando mal e que, cando pasou o coche as vallas estaban subidas, a pesar da proximidade do tren. Ata a propia ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, que entón se achegara a Valga a dar as súas condolencias ás familias, recoñeceu o fallo no sistema. Pero agora parece que as culpas van a recaer no maquinista, que podería enfrontarse a catro anos de cárcere. A Fiscalía e o avogado das familias das víctimas teñen intención de acusalo de tres delictos de morte por imprudencia.

    O accidente deixou dúas familias rotas e veciños indignados, que non dubidaron en cortar varias veces a vía do tren ata conseguir un compromiso firme para eliminar os nove pasos a nivel que hai en Valga. En maio do pasado ano, Concello e ADIF asinaban o convenio e Fomento comprometíase a executar un paso superior en Campaña e dous inferiores en Devesa e Forno. Ata febreiro deste ano non se viron as primeiras máquinas e despois dun tempo desaparecidas volveron esta semana.

    Redacción Salnés