A Deputación achega ós escolares da Pobra un século de literatura en galego

    seculoliteraturainfantil_100_120508.jpgPOBRA > As deputadas provinciais, Caridad González e Rosana Pérez, inauguraron a mostra ‘Un século de literatura infantil en galego’ no Pilar Maestú.

    {flowplayer}barbanza/seculoliteraturainfantil.flv{/flowplayer}

    Dende as pequenas obras de principios do século XX, como ‘O rei avarento’ ata os últimos títulos publicados pola editorial Kalandraka, como ‘O Rato Pincho’ ou ‘O Coelliño Branco’. Todo cabe na mostra ‘Un século de Literatura Infantil en Galego’ promovida pola Deputación da Coruña e que este luns foi inaugurada no colexio Pilar Maestú da Pobra.

    Descentralizar a cultura

    O ente provincial decidiu achegar esta mostra ó centro pobrés a petición do seu director, Vicente Vázquez. Deste xeito pon en marcha un concepto itinerante da súa oferta cultural achegándoo ós distintos pobos da provincia da Coruña, de xeito que unha maior parte da poboación teña acceso a ela.

    A exposición consta de doce paneis e un DVD nos que se mesturan fondos bibliográficos actuais, referencias bio-fotográficas ós autores que marcaron a historia da literatura infantil en Galicia así como ilustracións para libros infantís e xuvenís.

    Segundo explicaron as representantes provinciais, constitúe unha das mostras que máis interese espertaron polo seu carácter didáctco e interdisciplinar. Ademais ten a vantaxe de achegar ós máis pequenos unha parte da extensa creación literaria en galego, o que da idea do enorme patrimonio artístico e cultural desenvolvido na nosa lingua.

    Ademais do percorrido pola historia literaria do noso país, a Deputación pretende, a través desta mostra, difundir o uso da lingua galega entre os máis novos que, en definitiva, son os depositaris da súa conservación e transmisión ás vindeiras xeracións.

    Redacción Barbanza