O XX Torneo de Santa Rita exhibe un gran nivel tenístico

tenis250_190508.jpgVILAGARCÍA > Estes días disputáronse as rondas finais do Torneo de Santa Rita, organizado polo Club O Rial de Vilagarcía. Os tenistas locais Xosé Romero e Alejandra Rienda alzáronse co título en categoría cadete.

Un ano máis, e xa van vinte, voltou o Torneo de Santa Rita ás pistas do Rial en Vilagarcía. O chamado Grand Slam das categorías inferiores é sen dúbida o torneo máis importante a nivel autómico para rapaces de entre 11 e 16 anos.

Como ven sendo habitual, os tenistas locais amosaron un nivel moi alto impoñéndose na categoría raiña tanto en homes coma en mulleres. Xosé Romero proclamouse campión tras barrer literalmente da pista ó seu adversario Daniel Bartolomé, por 6-0 e 6-1; dende o primeiro punto o tenista do Rial amosou a súa superioridade impoñendo sempre o ritmo que máis lle interesaba para acabar cedendo tan só un xogo no segundo set.

Tampouco tivo problemas Alejandra Renda para levarse o título. A súa rival, Raquel Madrigal púxollelas cousas complicadas no primeiro set no que a vilagarcián impuxose por 7-5, pero no segundo, co marcador favorable e moita maior confianza no seus golpes non tivo problemas para facer un 6-1 e levarse o título.

Os bos resultados para os tenistas locais completáronse coa final feita por Carlos Tajes en infantil masculino, que non puido impoñerse ó pontevedrés Javier Varela nun partido disputadísimo que se foi ó tie break no terceiro set.

Coma sempre o Club de Tenis do Rial rexistrou un ambiente excepcional para ver a estas promesas do deporte da raqueta. José Juan Durán, Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e Victoria Hierro, concelleira de deportes de Vilagarcía, asistiron á unha moi coidada entrega de trofeos, ó nivel do tenis amosado polos rapaces.

Redacción Salnés