O PP arremete contra as Concellerías de Limpeza, Medio Ambiente e Obras

    pp_vilagarcia_limpeza_100.jpgVILAGARCÍA > Se a semana pasada o PP de Vilagarcía criticaba a xestión da Concellería de Promoción Económica do goberno coaligado de Vilagarcía, esta semana …

    foi a quenda dos departamentos de limpeza, medio ambiente e do obras municipais. O encargado de facer a análise foi o edil popular, Juan Maneiro, responsable do seguimento no Partido Popular destes tres apartados.

    O edil popular Juan Maneiro comezou o seu repaso coa Concellería de Limpeza, Parques e Xardíns, asegurando que existe unha situación de abandono que transmite segundo el esta imaxe de Vilagarcía. O Partido Popular vai presentar unha moción no concello para instar ó grupo de goberno a elaborar un plan de xestión e optimización dos recursos destinados á limpeza, e para que se ocupe por igual dos lugares do centro e tamén do rural.

    O motivo, a descoordinación e a deixadez que segundo o PP se están a dar nesta concellería, e que se deixar ver por exemplo no mal estado da praia da Compostela. Un areal que ven de perder a bandeira azul, o cal foi para o PP o resultado dunha falta de previsión tanto da Concellería de Limpeza coma a de Medio Ambiente, por non preparar a praia ás condicións esixidas para poder contar con esta distinción.

    No tocante ó Medio Ambiente o edil popular tamén engadiu que non existe un plan de actuacións coordinado, e pediulle ó concello que se lles aclare os vilagarciás cales van ser os usos turísticos e o coidado medioambiental para a illa de Cortegada, así coma a postura que vai tomar o goberno local sobre o destino de Megasa.

    Respecto á Concellería de Obras e Servizos, Juan Maneiro, criticou que cada vez sexan máis numerosas as incursións nos plenos dos veciños afectados polas consecuencias que obras municipais ou doutras institucións teñen nas súas propiedades, coma foi o caso dos de Castroagudín, ou Rubiáns, así coma a falta dos anunciados plans plurianuais para apartados coma o de saneamento ou das melloras de camiños e parques infantís.

    Redacción Salnés