Verán en Poio 2008 conta cunha tirada de 10.000 copias

    veran_en_poio_100.jpgPOIO > O programa cultural e festivo de Poio para o que queda de ano volve a estar reunido no libro editado polo concello, Verán en Poio.

    Unha publicación que xa leva sete anos preparando a Concellería de Turismo e Festexos e na que mesmo se inclúe a programación de carácter deportivo da localidade. O obxectivo, que tanto veciños coma visitantes teñan toda a información sobre as actividades da localidade, máis alá das tradicionais festas do verán que inclúen normalmente estas publicacións. Para isto, intentarán que o libro chegue a maior parte da xente, cunha tirada de 10.000 copias.

    As festas que centrarán de novo as celebracións no concello son as patronais de San Xoán, entre o 22 e o 26 de xuño, co pregón do actor galego Ernesto Chao, a Festa da Ameixa o 26 de xullo con outro actor coma pregoeiro, Celso Bugallo, e a Festa do Mar, entre o 20 e o 24 de agosto, na que actuarán Chenoa e Rosendo. A Festa Internacional do Folclore o 14 de agosto ou a Rapa das Bestas, son outras das ofertas festivas do concello para o verán.

    En canto á oferta cultural, haberá durante o verán o terceiro encontro de pintores luso-galaicos, unha mostra de escultura en pedra da Escola de Canteiros de Pontevedra, ou exposicións de obras de pintores coma Manuel López Cabaleiro ou Luis García- Rosales, e outras mostras fotográficas coma a de Nazón de Breogán. Tamén se repetirá este ano o certame fotográfico Verán en Poio, que xa vai pola súa terceira edición.

    Redacción Salnés