A Xunta reactiva as tres fases de restricións para esta desescalada

GALICIA> Galicia mergúllase nun novo proceso de desescalada. Faino rescatando o sistema de tres niveis de restricións, que se aplicarán en función da situación epidemiolóxica de cada territorio. A reapertura será gradual e nas áreas sanitarias de Pontevedra e O Salnés e de Santiago Barbanza reábrese a hostalería e elimínanse os peches perimetrais por concellos. As medidas entrarán en vigor este venres.

A área de Pontevedra e O Salnés sitúase no nivel dous. Estarán permitidas as reunións de non conviventes (cun máximo de catro persoas), a hostalería poderá reabrir só en terraza e co 50% da ocupación, e deberá pechar ás 18.00 horas. En canto á mobilidade, poderá haber desprazamentos entre todos os concellos que forman a área sanitaria.

A área de Santiago e O Barbanza estará no nivel tres. Aquí tamén estarán permitidas as reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas. A hostalería poderá abrir o interior cun 30% de capacidade e na terraza manterase o 50%. Ademais, deberá manterse a distancia de metro e medio de separación entre as mesas e o horario de peche será ás 18.00 horas. En canto á mobilidade, estará permitida entre os concellos que estean no mesmo nivel de restricións. No edio deportivo, permitiranse os grupos de catro non conviventes, sempre usando a máscara. Tamén poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas.

Neste caso, os concellos da área sanitaria de Santiago e O Barbanza poderán desprazarse ata municipios das áreas de Lugo, Ourense e Vigo que teñan o mesmo nivel de incidencia.

O concello de Catoira é un dos 17 municipios galegos que se manteñen no máximo nivel de restricións pola súa incidencia a 14 días. Aquí continúan as limitacións vixentes, coa hostalería pechada, sen reunións de conviventes e sen que se permita a mobilidad fóra do concello, salvo por cuestións xustificadas.

As medidas entrarán en vigor este venres, día 26. Cada mércores, anunciaranse os posibles cambios nos niveis de restricións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí