PONTEVEDRA > A marcha contra Ence Elnosa da Asociación en Defensa da Ría xuntou este sábado a unhas dúas mil persoas.
Non só reclamaron o cese de actividade do complexo industrial de Lourizán senón que tamén pediron a dimisión do conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.
Unhas dúas mil persoas reclamaron esta fin de semana en Pontevedra a dimisión do conselleiro de Medio Ambiente por poñerlle freo á recuperación da ría de Pontevedra. A licenza permitirá a ambas empresas continuar producindo ó longo de tres anos nos terreos que ocupan en Lourizán.
A marcha comezou simultaneamente desde as alamedas de Pontevedra e Marín e acabou fronte ó complexo industrial. A APDR esixiu nun comunicado o cese inmediato e definitivo da actividade de Ence – Elnosa polos problemas de contaminación, económicos e de calidade de vida e saúde que segue a provocar nesta bisbarra. A isto engadiulle outra petición: a dimisión do conselleiro de Medio Ambiente pola súa defensa do complexo e como responsable das consecuencias que se puideran derivar da presenza de Ence-Elnosa en Lourizán.
Segundo denuncia a asociación estas empresas incumpren o Regulamento de Actividades Molestas, a autorización de vertido para sólidos en suspensión e fósforo total, e ademais superaron os prazos de tramitación da Autorización Ambiental Integrada e carecen de informe municipal de compatibilidade urbanística.
Na marcha tamén participaron diversos políticos do BNG como a deputada autonómica Carme da Silva e os edís Anxos Riveiro e Raimundo González.
Redacción Salnés