O BNG insta a constituír a comisión para debater a festividade da Dorna

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira denuncia o incumprimento do acordo plenario para constituír unha comisión para a elección dos festivos locais. Reclaman que se convoque ós grupos políticos e sectores implicados para debater a designación do 24 de xullo, Día da Dorna, como un dos festivos locais do municipio. O pasado 23 de febreiro aprobábase, por unanimidade, a constitución dunha comisión na que estivesen representados os distintos grupos políticos e sectores implicados para abordar cambios na designación dos festivos. Mediante esta comisión pretendíase dar voz á crecente demanda, non só da confraría da Dorna senón tamén de boa parte da poboación, de instaurar o 24 de xullo como festivo local. Sen embargo, ata o momento nin tan sequera se convocou a comisión que debería terse reunido xa o mes pasado. Á espera de que o executivo mova ficha, tanto a asemblea local do BNG como os integrantes da candidatura nacionalista ó concello de Ribeira, indicaron que seguirán a traballar polo recoñecemento desta festa, declarada de interese turístico.