Cruceiro C, Moañesa D e Arosa, á gran final da Copa do Futuro

copa_futuro250_160608.jpgRIBADUMIA > O Arosa estará na final de Vigo da Copa do Futuro da Deputación de Pontevedra. Esta fin de semana disputouse no campo da Bouza, en Barrantes a fase do Salnés, na que participaron 16 equipos, xuntando a máis de 200 nenos.

O Cruceiro C foi esta vez o campión da proba de Ribadumia da Copa do Futuro, tras un emocionante partido co Arosa. O choque deixou moitos goles e terminou cun resultado de 5-2. O presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán foi o encargado de entregarlles a copa de campións, un premio que recibiron por todo o grande, entre serpentinas e con moita ilusión. O Cruceiro C tamén pode presumir de ser o equipo menos goleado do campionato. Mauro Rodríguez e Iker González compartiron o premio tras encaixar 4 goles en todo o torneo.

Pese a quedar subcampións, os nenos do Arosa teñen un posto na fase final da Copa Deputación que se disputará na última fin de semana de xuño en Vigo. Os vilagarciáns tiveron antes que superar, non sen certa dificultade ó Unión de O Grove, nun partido que tivo que decidirse a penaltis. Na seguinte rolda, o Arosa foi moito máis efectivo ante o Moañesa D, pero xa na final, os de Hío mostráronse superiores.

Outros que conseguiron pase para a gran final de Vigo foron os da Moañesa D, que acabou sendo terceiro despois de empatar a uns o partido contra o Céltiga e vencerlle na tanda de penaltis. Pese a todo, os da Illa non se foron de baleiro para a casa. O seu dianteiro Sergio Falcón foi o máximo goleador do campionato ó materializar dez goles. A copa do futuro continúa esta fin de semana en Lalín, onde 12 equipos loitarán por dúas novas prazas na gran final.

Redacción Salnés