Portos limitará o acceso ó peirao sonense para incrementar a seguridade

    PORTO DO SON> Portos de Galicia estudará a limitación dos accesos ó espazo portuario de Porto do Son. Así o acordaron na xuntanza desenvolvida na confraría sonense tras consensualo co propio concello. O presidente de Portos tivo ocasión tamén de comprobar o resultados dos traballos da mellora do abrigo do porto deportivo e supervisar as accións que se están a levar a cabo para a voadura dunha zona rochosa que dificulta a navegación. O presidente de Portos de Galicia visitou Porto do Son, a petición da directiva da confraría, para coñecer de primeira man as necesidades deste porto. Na xuntanza, á que tamén asistiu o alcalde, Luís Oujo, abordouse a necesidade de restrinxir o acceso ó peirao para garantir a seguridade dos profesionais que operan nas instalacións. José Juan Durán tivo ademais ocasión de comprobar o resultado das obras de mellora do abrigo do porto deportivo xa concluídas. Como complemento a esta actuación, Portos de Galicia está a traballar na voadura dunha zona rochosa á saída do porto que dificulta a navegación. O patrón maior aproveitou a xuntanza para expoñer algunhas deficiencias que presentan as instalacións portuarias. O presidente do ente autonómico comprometeuse a estudalas para a súa reparación.