BOIRO> A corporación municipal de Boiro celebrou onte pola noite o pleno no que se deu luz verde á proposta da alcaldía das actuacións a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña para este ano 2024 cuxo investimento total ascende a máis de 800 mil euros. O punto saíu adiante cos votos a favor do Partido Socialista e Boiro Novo e as abstencións do BNG e do Partido Popular.
Aínda que non precisaba do seu apoio para sacar adiante a súa proposta, o equipo de goberno contou nesta ocasión co voto a favor da edil de Boiro Novo, Dores Torrado. O resto de forzas presentes na corporación municipal, tanto BNG coma Partido Popular abstivéronse.
En total son máis de 802 mil euros o investimento que recibirá Boiro con cargo ó Plan de Obras e Servizos da Deputación para este 2024. A maior parte do orzamento irá destinado a obras e gasto corrente, uns 691 mil euros. A cantidade restante, irá a parar a gastos sociais extraordinarios. O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a achega da Deputación que se fai dunha forma equitativa e con criterios obxectivos.
As actuacións incluídas no POS son principalmente en materia de seguridade viaria e servizos en distintos núcleos do rural como é o caso da renovación do pavimento e mellora da seguridade viaria na estrada de subida a Espiñeira, por un importe de 147 mil euros ou a mellora de servizos e pavimentos na rúa 52, entre a estrada provincial DP-1107 e o Esteiro, en Cabo de Cruz, por un valor duns 148 mil. Tamén se incluirán as pavimentacións en varios núcleos rurais.
En canto ó POS+ de gastos sociais extraordinarios o Concello destinará os 111 mil euros que lle corresponden a diferentes programas entre os que se atopan o reforzo do persoal técnico administrativo, a ampliación das axudas de emerxencia e Axudas de respiro familiar, entre outros.
O goberno proporá ademais no POS+ adicional o acondicionamento do entorno do lavadoiro de Comoxo por un importe de 323 mil euros.