O Extrugasa confirma a súa presencia na próxima Eurocup

extrugasa250_170608.jpgVILAGARCÍA > O Extrugasa pasearase por Europa unha tempada máis. A praza xa a tiña conseguida por méritos propios, pero a directiva do club a piques estivo de renunciar a ela. E é que non conseguiu tódolos apoios económicos que precisa, ó romper o Concello de Vilagarcía o seu compromiso.

O Extrugasa xogará a Eurocup a vindeira tempada. A directiva do club reuniuse onte á noite para tomar unha decisión ó respecto, tras coñecer a negativa do Concello de Vilagarcía a aumentar a axuda económica.

O club arousán precisa dun presuposto de 115 mil euros para facer fronte ós seus compromisos europeos e ata o de agora só conseguiu o 70 por cento dese diñeiro, grazas ás achegas comprometidas pola Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral para o Deporte. A directiva reclamou ó Concello que lle aportase alomenos 10 mil euros máis á cantidade que habitualmente lle concede pero o goberno local dixo que non.

Pese a todo, o club quere atender á súa afección e por iso decidiu informar hoxe á Federación Española de Baloncesto que acepta a praza que por méritos deportivos lle corresponde na vindeira edición da Eurocup feminina. Xunto co Extrugasa, outros clubes españois que estarán na liga europea serán o Ibiza, León, e Rivas Futura.

Redacción Salnés