Portonovo e Vilalonga buscan a victoria antes do parón

SALNÉS> Esta xornada o Vilalonga desprázase a Vilalba mentres que o Portonovo recibe ó Alondras. Da Preferente destacan os encontros entre Barbadás e Sanxenxo e o Arenteiro-Arosa.

Xornada importante esta fin de semana na Terceira. A disputa da Copa das Rexións UEFA, na que participará Galicia, obriga a facer un parón 21 días entre o partido desta xornada e o da seguinte. Claro está que tódolos equipo quererán marcharse a estas mini vacacións con boas sensacións.

Como o Vilalonga, que despois da merecida victoria fronte ó Rápido de Bouzas, busca seguir en xeira de resultados desta volta ante o Vilalbés. Un rival que está a ser a gran revelación da temporada. Quinto na táboa, a un punto da fase de ascenso, os lucenses son sen embargo un dos peores equipos coma local. Dos 24 puntos que suman, tan só cinco foron no seu feudo. Un dato que convida ó optimismo.

Gabi Leis volverá a ter que facer experimentos coa alineación: coa dúbida de Nelo e as baixas seguras de Avendaño, Miguel Abal e Diego Blanco, a única boa nova é a recuperación de Tachi, unha vez cumpríu a súa sanción.

Se os números do Vilalbés son malos na casa os do Portonovo son os peores da liga, cun único punto sumado en sete partidos. O plantel quere rematar canto antes con esa situación e brindarlle dunha vez por todas unha victoria á afección de Baltar. Rival complicado o que terán enfronte esta semana, o Alondras, cuarto na táboa, e sempre asiprante a xogar a fase de ascenso. Jacobo Molina podería optar de novo por Velay na porta, pese a que Andro xa está recuperado do golpe sufrido no partido ante o Racing de Ferrol.

Na Preferente Sur o Arousa desprázase ó Carballiño para afrontar un encontro vital. Mídense a un dos equipos máis débiles da categoría, o Arenteiro, que tan só sumou seis puntos. Un triunfo sería moi importante para os vilagarciáns sobre todo para reforzar o aspecto anímico.

Outro dos destacados da xornada é o encontro que Barbadás e Sanxenxo disputan o domingo a partires das 16:00 horas. Os de Calucho queren seguir coa súa escalada na táboa, que os levou a ser quintos, precisamente ante un equipo que lle precede na táboa e ocupa postos de ascenso.

Outro que busca seguir en liña ascendente é o Céltiga, que visita ó Cruceiro. Os de Aldán semella que baixaron o pistón nas últimas semanas despois dun mes de outubro case perfecto. Todo o contrario que os de Rial que semana a semana vanse achegando á zona de cabeza.

A xornada complétase cos partidos que van disputar na casa dous equipos que precisan gañar sí ou sí para comezar a saír da zona baixa da xeral. O Cambados recibe ó Choco en Burgáns mentres que na Senra o Atios rinde visita ó Ribadumia.

Redacción Salnés